martes, 30 de abril de 2013

viernes, 26 de abril de 2013

Historia do libro

Para conmemorar o Día Internacional do Libro, as alumnas de Latín I do Marco do Camballón, co destacado traballo de Belén Quinteiro, que fixo a presentación en Prezi, elaboraron este traballo.

Feliz travesía pola historia do libro!




martes, 9 de abril de 2013

O alfabeto grego


            Conta o mito que un rei de Tiro, cidade construída nunha illa case pegada á costa de Fenicia (o Líbano de hoxe), tiña unha filla que adoitaba xogar na praia coas súas amigas.
Certo día, mentres as rapazas se divertían coa pelota, apareceu de improviso un touro branco. Calquera se tería asustado; porén, o animal parecía tan manso e era tan fermoso que pouco a pouco as amigas foron perdendo o medo e, entre risos e brincadeiras, a princesiña acabou montada no seu lombo. Entón, cambiou o conto. O touro meteuse de súpeto no mar e, sen dar tempo a que ninguén reaccionase, marchou nadando cara a occidente.
Desde logo, o touro non era tal senón o poderoso e namorisqueiro Zeus, rei dos deuses olímpicos. En canto á rapaza, chamábase Europa, vella avoa de cantos habitamos esta parte do mundo.
O desconsolado pai da princesa enviou os fillos varóns na súa procura, prohibíndolles regresar a casa se non traían de volta a súa irmá.
Un deles, Cadmo, despois de moito deambular sen tela atopado, decidiu quedar en Grecia e fundou alí unha cidade. Os nativos foron realmente afortunados; o novo veciño carrexaba consigo un tesouro intanxible mais de valor incalculable: a escritura alfabética.
Probablemente nin Cadmo nin Europa nin Zeus existiron xamais, pero o mito recrea unha realidade histórica: que os gregos –polo menos desde o século VIII a. C.– recibiron dos fenicios ese sinxelo e xenial invento que permite poñer por escrito ata o pensamento máis complexo cun número moi reducido de signos.
 Naturalmente, adaptárono ás súas necesidades, introducindo novas letras para representar sons propios do grego así como tamén as vogais, xa que o fenicio, como é corrente nas linguas semíticas, deixábaas sen anotar.
O alfabeto grego tampouco tivo desde o primeiro día a forma “clásica” que nos é familiar senón que durante longo tempo coexistiron variantes rexionais. Dunha delas, utilizada en Cumas, colonia grega do sur de Italia, derivou o alfabeto latino, é dicir, o mesmo que a diario nos permite escribir e ler todo tipo de mensaxes –por exemplo: “Europa era unha inmigrante” ou  “Cadmo estivo aquí”. Ou calquera outro.
A continuación podes ver unha presentación na que aparecen os 24 caracteres do alfabeto grego en maiúsculas, minúsculas e coa súa equivalencia fónica ao galego.

http://www.slideshare.net/Luciapuentes/copia-de-18497930

Tamén tes unha ligazón a un vídeo de YouTube onde se nos presenta o trazo das letras gregas.


Ligazón